Á venda as entradas para o concerto de Rozalén, que presenta novo disco no Teatro Colón

Á venda as entradas para o concerto de Rozalén, que presenta novo disco no Teatro Colón

Xa están á venda as entradas para o concerto no que Rozalén presentará os temas do seu novo disco, ‘Matriz’. Os pases pódense adquirir a través das webs www.ataquilla.com ou www.teatrocolon.es.


O concerto terá lugar o 2 de decembro, ás 20.30 horas no Teatro Colón. A Coruña será a primeira cidade na que a artista dará a coñecer as súas novas cancións.


Rozalén celebra unha década sobre os escenarios co seu novo traballo, ‘Matriz’, un disco que estará dispoñible a partir do día 11 de novembro. Para conmemorar os seus dez anos no mundo da música, a compositora rexistrou con mestría un conxunto de temas producidos por Ismael Guijarro, a través dos cales rende homenaxe ao folclore e á música tradicional do noso país.


Por iso, Rozalén propón unha viaxe xeográfica e emocional por toda a Península, a través de pezas que forman parte da memoria colectiva, así como de novas composicións inspiradas no cancioneiro popular.


Para presentar este traballo, Rozalén programou unha xira de concertos nos que debullará estas composicións arroupada pola súa banda habitual. Serán, en principio, cinco cidades españolas as que albergarán as actuacións da cantante: A Coruña, o 2 de decembro;l Albacete, a súa cidade natal, o 10 e 11 de decembro; Madrid, o 12 e 13 de decembro; Barcelona, o 22 de decembro; e Málaga, o 29 de decembro.

 

Esta xira iniciarase logo de que conclúa a que a cantautora está a levar a cabo en Latinoamérica, onde ten previsto concertos o 29 de outubro en Santiago de Chile, o 2 de novembro en Montevideo e o 6 de novembro en Buenos Aires.


Tras a finalización da súa xira americana, Rozalén sacará o seu novo álbum o 11 de novembro e actuará nos cinco concertos programados en España ata o final deste ano. O custo das entradas para o espectáculo que terá lugar na Coruña oscila entre os 38 e os 50 euros.

Á venda as entradas para o concerto de Rozalén, que presenta novo disco no Teatro Colón

Te puede interesar